CALIDADE SURFING

CALIDADE SURFING
25 de marzo de 2022
O NÚCLEO DE ADESTRAMENTO DEPORTIVO ESPECIALIZADO DA FEDERACIÓN GALEGA DE SURF BOTA A ANDAR EN NIGRÁN DA MAN DA XUNTA DE GALICIA

A Federación Galega de Surf presentou esta mañá na praia de Patos o Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado (NADE) como o centro de tecnificación do surf galego que estará emprazado en Nigrán e que ten por obxecto xuntar os medios humanos e materiais necesarios para a preparación técnico-deportiva orientada ao alto nivel ou ao alto rendemento deportivo. O NADE, denominado pola federación como ‘Calidade Surfing’, contribuirá a identificar e reter o talento deportivo que se atopa diseminado polos clubs do territorio da Comunidade Autónoma e traballar nas futuras metas dun deporte que xa é olímpico dende os pasados Xogos de Toquío. ‘Calidade Surfing’ representa o interese estratéxico do surf galego, encamiñado á participación dos deportistas galegos en xogos olímpicos ou paralímpicos, campionatos do mundo, campionatos de Europa e outras competicións internacionais de máximo nivel.

Os seis rapaces e rapazas de entre 14 e 18 anos que forman parte do proxecto ‘Calidade Surfing’ son Manuel Fernández López (A Coruña), Sebastián Baamonde Amenedo (A Coruña), Martín Fernández González (Ribadeo), Iván Rodríguez Portas (Vigo), Lucía Martínez Bermúdez (Viveiro) e Claudia Prieto Sapena (Viveiro) que estarán baixo os mandos do coordinador do proxecto, Coque Araújo.

No acto de presentación do Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado ‘Calidade Surfing’ estiveron presentes o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández Tapias; o tenente alcalde de Nigrán, Rubén Rial; o xerente da Federación Española de Surf, Lourenço Chaves e o presidente da Federación Galega de Surf, Roman Diez.

O obxectivo do NADE da Federación Galega de Surf será ocupar a residencia de tempo libre de Panxón -que agora mesmo se atopa ofrecida aos refuxiados ucraínos- para realizar as sesións técnicas, almacenar o material deportivo e aloxar os deportistas do proxecto.

O Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado da Federación Galega de Surf foi aprobado pola resolución do 3 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral para o Deporte e publicado no Diario Oficial de Galicia o pasado 20 decembro. A Xunta de Galicia achega un investimento de 30.000 euros para o NADE de surf. Ademais, a federación galega ten solicitado ao Goberno galego material deportivo por importe de 10.000 euros para o NADE que será resolto proximamente na convocatoria de equipamentos deportivos, na que os NADE parten con 20 puntos de vantaxe.

Federación Galega de Surf e Bodyboard